Resultados Máster

Difícil facer un resumen do que transmitiron esta delegación máster durante a súa participación no Campionato de España, que se celebrou dende o xoves ata o domingo en Pontevedra. Ilusión, emoción e ánimo son tres boas palabras que definen a estes catro nadadores e dúas nadadoras que participaron nun total de 23 probas individuais e 2 remudas. Catro medallas e bos postos nas clasificacións son a guinda da súa actitude.

A cercanía xeográfica deste campionato favoreceu a asistencia dunha parte do noso equipo máster, pero non creo que sexa a última, xa que voltaron con ganas de máis. Tan só seis deportistas acadaron os seguintes e salientables postos conxuntos: masculino, 50º posto de 120 clubs participantes; feminino 81º de 119; e na clasificación conxunta, 69º posto de 142 clubs.

Participaron en dúas remudas da categoría masculina +200, no 4×50 estilos, 16º posto; e no 4×50 libre, 13º posto.

A nivel individual é imposible non destacar a Ramón Folch, nadador de 81 anos, que acadou catro medallas e 3 récords galegos. Foi medalla de ouro en 50, 100 e 200 costas, con marcas de récord galego, e medalla de prata en 400 libre.

Tod@s melloraron as súas marcas e loitaron as probas con ilusión, nun campionato cunha alta participación e moi bo nivel. Quedan con ganas de máis e mellor, así que seguiremos atentos/as ás alegrías deportivas que nos da esta categoría.

Carmelo, Gloria, Javier, Manuel, Raquel e Ramón Noraboa!!

Resultados