Alba Gómez Mesías, a nadadora do noso club con máis citas en campionatos importantes, acaba de regresar de Sevilla, de participar no Campionato de España Absoluto Open. Volta con boas marcas, dúas finais e moi bos postos na súa categoría de Absoluta Moza, categoría na que se estreou esta tempada.
A climatoloxía acompañounos nas instalacións de Mairena del Aljarafe, xa que a temperatura non foi moi alta en ningún momento, algo de agradecer nas competicións ó aire libre. Alba estreouse o mércores co 50 braza, no que acadou o 8º posto da súa categoría, o xoves nadou o 400 estilos, proba na que foi finalista, participando cunha gran mellora na sesión de tarde, 3º posto. O venres foi o turno de nadar a proba de 100 braza, na que acadou o 6º posto. O 200 braza foi o sábado, entrou na final, mellorando de novo a súa marca pola tarde e finalizando no 4º posto. O último día de competición, o domingo, Alba nadou a proba de 200 estilos, quedouse a tan só unha praza de ser finalista e acadou o 4º posto con moi boa marca.
Unha vez máis, Alba foi meténdose en competición e mellorando ó longo dos días, sendo a última das súas probas a mellor loitada. Agora toca a cita do Campionato Galego, no que terá outra oportunidade de rematar con nota moi alta a que xa é unha gran tempada desta nadadora, tanto a nivel deportivo coma de estudios. O ano que ven engrosará a nosa lista de universitarios/as dos que este club está tan orgulloso de manter nas súas filas.