Resultados Campionato de España

Grandes momentos vividos neste primeiro Campionato de España desta nova tempada. As representantes do Club Natación Arteixo puxeron o listón moi alto para o camiño que nos queda. O Arteixo estivo presente nun total de oito finais, todas elas loitadas ata a última brazada. Paula e Alba voltan de Gijón con Mellor Marca Persoal en tódalas probas nas que participaron, e con un 14º posto feminino do Campionato.

O Campionato celebrouse na Piscina do CN Santa Olaya, durou dende o xoves ata o domingo e nel participaban 556 nadadores e nadadoras de 131 clubs. Foi un evento moi importante xa que del saía a selección para participar no Campionato de Europa de Glasgow, con moi boas noticias para a natación galega xa que dúas deportistas do Galaico, Beatriz Gómez e María Vilas, acadaron mínimas para participar en dito campionato.

Alba Gómez Mesías, de categoría absoluta, participou en cinco probas, acadando postos de Final B en tres delas: 100 libre, 3º posto da final e 11º en total; 200 libre e 200 estilos na mesma xornada, en ambas probas rematou 2ª nas finais e 10ª en total. Ademáis nadou as probas de 400 e 50 libre, probas nas que acadou os postos 20º e 21º. Alba celebraba nesta competición a súa 25ª participación en Campionatos de España, toda unha veterana que non para de darlle motivos de orgullo o seu club.

Paula Otero Fernández, a nosa recente incorporación, fixo un máis que excelente campionato. Esta nadadora, aínda de categoría junior, tivo en Gijón unha gran progresión, tanto de nivel competitivo coma de calidade en tódalas probas nas que participou. Acadou postos de finalista A en catro probas e nunha de final B. Obtivo dúas Mellores Marcas Galegas de 15 anos nas probas de 200 libre e 200 bolboreta. Foron especialmente emocionantes as probas nas que Paula loitou xunto as máis grandes, 400 estilos o venres e 800 libre o domingo, probas nas que acadou o 4º posto en total, rebaixando con moito as súas mellores marcas. Nadou tamén na final A o 200 libre e o 200 bolboreta, probas de MMG e 7º e 8º postos. Na proba de 400 libre, acadou o 1º posto da final B, 9º en total.

En Gijón vivíuse un gran ambiente competitivo, e as nosas nadadoras estiveron á altura da ocasión, ollo con elas esta tempada, que seguro que nos seguirán traendo máis sorpresas.

Noraboa Alba e Paula!!

Resultados