Estamos xa a mediados de outubro e comeza o calendario de competicións. Estreámonos a nivel local coa Liga Infantil en San Amaro este sábado e nada máis e nada menos que con Paula Otero de novo en Cita Internacional co Equipo Nacional Absoluto.
Paula, que esta tempada adestra no Centro de Alto Rendimento do Car de Sant Cugat, levará de novo o nome de Arteixo nas máis altas esferas da Natación Internacional. Está convocada para participar esta fin de semana na 1ª Etapa da Copa do Mundo FINA con outros 13 nadadores e nadadoras de primeiro nivel nacional. Será en Berlín do 21 ó 23 e Paula participará en 4 probas, 400 libre, 200 bolboreta, 200 e 800 libre.
Nada máis voltar de Berlín, Paula está convocada tamén para participar nunha concentración en altura no Car de Sierra Nevada, que será dende o 24 de outubro ata o 13 de novembro. Dita concentración será co Equipo ENA e terá como obxectivo principal o adestramento en condicións de altura, ciclo preparatorio para o Campionato do Mundo no que participará no mes de decembro. Publicamos as convocatorias destes dous eventos ó final desta noticia.
Noraboa Paula!!
Pois como vemos, a tempada xa está totalmente rodando e ó Club Natación Arteixo espéralle un gran ciclo ata o Nadal, con participacións en Ligas Territoriais de edades, Campionatos Galegos e de España e de forma especial unha competición por equipos a nivel nacional, a Copa de España de Clubs.