A nosa nadadora máis internacional, Paula Otero Fernández, xa está en terras rusas dende onte pola noite. Un total de seis nadadoras e cinco nadadores representarán a España do 2 ó 7 de novembro de 2021 nos 21st Campionatos de Europa LEN KAZAN 2021 de piscina corta. Será, sobre todo, unha cita de preparación para o equipo nacional absoluto que, no plano internacional e tras un esixente ano olímpico, ten posto o foco na tempada en larga, na que se celebran os Campionatos do Mundo FINA en maio en Fukuoka, e os Campionatos de Europa LEN, en agosto en Roma.
Paula está recén chegada a este equipo absoluto despois dunha gran tempada de éxitos na categoría junior, e como tal este será para ela un campionato de grandes experiencias e aprendizaxes. A adestradora do CGTD, Luisa Domínguez, ambas na foto de portada, acompañará ó equipo nesta nova aventura na que Paula terá a oportunidade de darlle pistoletazo de saída á que esperamos sexa unha boa primeira tempada de cambio de grupo competitivo.
Paula nadará o martes día 2 a proba de 800 libre, o xoves 1500 libre, sábado 200 libre, e rematará co 400 libre o domingo día 7. Podemos estar ó día dos resultados no enlace que adxuntamos. O evento tamén será retransmitid en Teledeporte ás 8:00 e ás 16:30.
Sorte e ánimo Paula!