Mateo e Paula Subcampións de Europa

Non é doado facer unha nova para contar o momento importante que se viveu esta fin de semana en Corfú, Grecia, onde dous nadadores do Club Natación Arteixo formaban parte do equipo da Selección Española junior que defendería a remuda de 4×1250 metros Sub-19 no Campionato de Europa de Augas Abertas. O resultado foi unha prata moi reñida, tanto que se resolveu na chegada, quedando a tan só 6 décimas do ouro.

Mateo García participou o sábado na proba de 10K, a súa primeira experiencia nesta distancia. O circuíto constaba de 6 voltas de 1600 metros que Mateo nadou en progresión, xa que polas «loitas» típicas das Augas Abertas non se colocou no grupo de cabeza no principio da proba. Nadando na cabeza do segundo grupo, foi gañando postos en todo o percorrido da carreira ata rematar en 15º posto.

A remuda celebrouse o domingo, con un gran día para competir, xa que o mar estaba moi calmo, con 24º de auga e 25º de ambiente. Paula foi a primeira nadadora en tirarse, con unha gran carreira que deixou ó noso equipo en 2º posto, con tan só a Italia por diante, a 2ª foi Ángela Martínez, encargada de darlle a posta a Mateo que fixo o seu papel de remontar xa que no equipo italiano tocáballe nadar a unha nena, e así foi, con un bo tempo no seu parcial deulle o turno a Carlos Garach que tivo que loitar ata a última brazada co húngaro, que tras un sprint logrou tocar a placa en primeiro lugar, dándolle a este equipo español o posto de Subcampións de Europa.

Ambos nadadores arteixáns conseguiron as súas clasificacións para estar nesta remuda gracias ós seus respectivos títulos de campións de España na proba de 1500 en piscina, Paula no Open de primavera e Mateo no Campionato Junior de verán.

Esperamos que este éxito do que o noso Club forma parte sirva como plataforma de entrada a novos soños, que a veces parecen difíciles polas nosas condicións de adestramento, pero que esto demostra que non son imposibles.

Mateo e Paula acaban de escribir outra liña na historia deste Club, Noraboa e Gracias!!

Resultados