Campionato galego Junior e Absoluto. Resultados

Intensa fin de semana a vivida en Ourense durante a celebración do Campionato Galego de verán de categorías junior e absoluto. Foi un gran traballo do grupo de 19 deportistas que defenderon as cores do Club Natación Arteixo, e que deixan como resumen moitas MMP, 19 medallas, un trofeo de mellor nadador do Campionato por táboa FINA de Mateo García, e 2 destacados postos nas clasificacións, 2º feminino e 5º conxunto absolutos.

Celebrábanse dous campionatos no mesmo evento, o Campionato Junior, con Lucía, Irene, Adrián, Roi, Pablo e Mateo como protagonistas. Xuntos acadaron o 7º posto na clasificación conxunta, 5º na masculina e 15º na feminina. Destacamos nesta categoría a medalla de Bronce acadada na remuda masculina de 4×100 libre, o 4º posto na de 4×100 estilos, e ós medallistas, Pablo Pose, bronce en 200 costas, e Mateo García, ouro en 200, 400, 800 e 1500 libre.

No Campionato Absoluto participaron: Eva, Ana, Alba, Nerea, Tamara, Noelia, Paula, Alejandro, Manuel Varela, Pablo, Mateo, Miguel, Manuel Ruibal, Javi e Luis. Participaron en tódalas remudas do campionato, nas que o equipo masculino acadou o 9º posto en 4×100 libre, 6º en 4×100 estilos, 8º nas de 4×200 libre, 4×50 estilos e 4×50 libre. No caso do equipo feminino, unha vez máis sorprenderon con un pleno de medallas, algunhas delas moi reñidas ata a última brazada. Foron ouro en 4×200 e 4×50 libre, prata en 4×50 e 4×100 estilos, e bronce en 4×100 libre. A clasificación por equipos foi das mellores na historia do club, acadamos o 7º posto na masculina, 2º na feminina e 5º na conxunta.

Tivemos presencia en numerosas finais, que se nadaban nas sesións da tarde e que lle daban un gran ambiente competitivo ó campionato, notábase que tod@s as botábamos de menos xa que non se podían celebrar dende os campionatos pre-covid. Os nadadores e nadadoras absolutos con medalla foron, Mateo, con 3 ouros en 400, 800 e 1500 libre, Paula foi ouro en 200 bolboreta e prata en 100 libre, Miguel Ángel ouro en 200 braza, Alba bronce en 100 bolboreta e Ana bronce en 400 estilos.

Outro resultado destacado, foi o Trofeo Paula Carballido entregado a  Mateo García Castro ó final do evento, xa que foi o primeiro clasificado por táboa FINA pola marca acadada na proba de 400 libre.

A Paula Otero fixéronlle entrega tamén durante a competición, o premio á mellor proba da Liga Galega de Clubs tamén por táboa FINA, o Trofeo Leopoldo Bremón. Paula foi merecedora deste premio pola marca no 400 estilos na Fase Final de Liga celebrada en maio en Carballo.

Pero sen dúbida, unha vez máis, o máis salientable do Campionato Galego foi o nivel competitivo xeral acadado por todo o Equipo, o gran ambiente de ánimo ós compañeir@s e a convivencia destes tres días pasados en Ourense.

Noraboa a tod@s polos resultados e Gracias por seguir mantendo ó CNA a este nivel, a tempada que ven máis e mellor...

                                                        

MedalleiroResultados