Campionato Galego e Copa Senior. Resultados

Moi boa competición a desta fin de semana en Ourense. Era un evento doble, un Campionato Galego Infantil e Junior, onde os nosos nadadores e nadadoras tiveron a oportunidade de demostrar unha gran mellora. E unha Copa Senior, na que fomos o 3º equipo de Galicia con máis participantes e que foi unha gran ocasión para competir a moi bo nivel en pleno período de entreno.

Foron moitas cousas as que poderíamos destacar desta competición, pero sobre todo, o ambiente de grupo e o ánimo repartido durante toda a fin de semana por parte dos vinte participantes, foi o que fixo posible o bo nivel competitivo do CNA.

En canto ó Campionato Junior, participábamos con 2 nadadores e 2 nadadoras en probas individuais, máis 3 para remudas femininas. Este pequeno equipo acadou o 12º posto na clasificación total, con un 17º masculino e 8º feminino. Participaron nas remudas femininas de 4×100 libre, 7º posto, e na de 4×100 estilos, na que acadaron o 8º posto.

O equipo Infantil estivo formado por 5 nadadores e 2 nadadoras. Acadaron o 9º posto na conxunta, con un boísimo 4º posto na masculina e 17º na feminina. A mellora de nivel de marcas deste grupo foi moi salientable, notouse moito nas remudas masculinas, que partían nas inscripcións en postos de 10º e 11º e acadaron os seguintes: 6º en 4×200 libre, 5º en 4×100 libre e 4º en 4×100 estilos. A nadadora Antía Gómez Taibo, acadou tres mínimas para asistir ó Campionato de España Infantil que se celebrará en Gijón dentro de tres semanas, nas probas de 200 estilos, 100 e 200 costas.

En total acadaron seis metais, Nerea Iglesias foi prata Junior en 200 bolboreta, Miguel Gómez foi prata en 100 braza e bronce en 200 braza Infantil e Antía Gómez acadou bronce en 200 estilos e 200 costas e ouro en 100 costas Infantil.

No caso dos participantes na Copa Senior, destacamos a participación, que con seis deportistas, foi a 3ª de Galicia, o que fai sentir moi orgulloso a este club, idades nas que xa é complicado compaxinar vida e entreno, e ahí seguen estes nadadores, aportando e medrando co seu equipo. Nesta Copa, Alba Gómez Mesías, foi a mellor nadadora por táboa FINA poloa puntuación na proba de 400 libre.

Noraboa a tod@s e a seguir así, en verán seremos máis e mellores…!!

Resultados Medalleiro