Voltamos do Campionato de España celebrado en Sabadell durante cinco días da pasada semana cargados de alegrías. Catro Récords Galegos, dez medallas e moitas MMP que engadir ó currículum deste grupo de seis nadador@s que asistiron a este evento e que demostraron con cada brazada o seu nivel competitivo. Eva, Manuel, Alba, Mateo, Miguel e Paula foron os protagonistas.
O Campionato celebrouse dende o mércores 21 ata o domingo 25 con sesións de eliminatorias pola mañán e finais pola tarde. Alba, Mateo e Paula acadaron postos de finalistas, mellorando nas sesións de tarde os seus rexistros.
Empezamos polos nosos nadadores junior que nadaban as catro distancias de costas e que acadaron bos resultados, con algunha MMP. Eva acadou os seguintes resultados na clasificación de 17 anos, 10º en 50, 15º en 100 e 10º en 200. Manuel quedou de 22º de 18 anos en 50, 21º en 100 e 6º en 200.
Os nadador@s absolutos Sub-20 foron Mateo e Paula e os absolutos Miguel e Alba. Miguel acadou o 28º posto na proba de 200 braza. Alba destacou sobre todo en 50 bolboreta, con MMP e tan só un posto de entrar en final, e en 100 e 200 libres, probas nas que foi finalista e nas que acadou o 12º posto absoluto.
Mateo e Paula, foron os medallistas do Club Natación Arteixo e elevaron o seu medalleiro a un total de dez medallas, xa que foron laureados como absolutos sub_20 e como absolutos. Paula foi ouro S20 e prata Abs en 400 libre, prata S20 e Abs en 1500 libre, prata S20 e bronce Abs en 800 libre e bronce S20 en 200 libre. Mateo destacou ademáis de polas súas medallas, polo nivel de marcas, xa que rompeu a barreira de Récord Galego en 3 ocasións durante o campionato, na proba de 400 libre na sesión de mañán e de novo pola tarde na final, e na proba de 800 libre na última sesión do campionato. Os mellores resultados de Mateo foron un bronce S20 en 400 libre, prata S20 e 5º absoluto en 1500 libre, prata S20 e bronce Abs na proba de 800 libre. Mateo na proba de 400 libre acadou marca de referencia para o Campionato de Europa de Augas Abertas, esta marca só se terá en conta se cumpre un último criterio no Campionato de España de Augas Abertas que se celebrará no mes de maio.
Mateo e Paula foron tamén premiados pola RFEN durante o evento, polos resultados obtidos na tempada 22-23. Recibiron a Medalla ó Mérito Deportivo pola súa participación e medalla de prata na remuda de Augas Abertas de Corfú. Paula tamén se lle concedeu a Medalla de prata de Servicios Distinguidos, premio que concede a RFEN polo número de participacións en citas internacionais coa Selección Española.
E deixamos para o final un dos momentos máis emocionantes para a historia deste Club. Participar nunha remuda en categoría absoluta nun Campionato de España é un soño dos que poucas veces un equipo pode soñar, e para nos cumpreuse, e ademáis ao grande, xa que o noso equipo tivo un gran nivel competitivo acadando o 8º posto e batindo o Récord Galego que posuía o CN Portamiñá. Manuel Varela defendeu a primeira posta de costas, Miguel Gómez a braza, Paula Otero a Bolboreta e Alba Gómez puxo a guinda loitando ata a última brazada de crol para acadar o primeiro posto da serie e rematar nun meritorio 8º con un tempo total de 4.06.70, Récord Galego.
Noraboa a tod@s!!