Campionato de España, Resultados

Onte pola noite regresou o pequeno gran equipo do Club Natación Sarval Arteixo que participaba no Campionato de España Junior e Absoluto de verán. Este celebrouse na cidade das Palmas de Gran Canaria, onde non fixo tanto calor como aquí pero onde se respirou un magnífico ambiente deportivo, nun campionato coa presenza do equipo olímpico que nos representará en Río, e por suposto, cos nosos/as, Alba, Noelia, Virginia e Xián deixando as cores do club moi alto.

A este evento viaxaron dúas nadadoras de categoría absoluta, nadando 5 probas, e dous de categoría junior con 6 probas.

Virginia Naya, do ano 96 nadou o xoves  50 libre, e o sábado 100 libre, baixando as súas marcas persoais e acadando os postos 29º e 42º na categoría absoluta.

Noelia Gómez, do ano 97, participando na categoría de absoluto mozo, nadou un total de 3 probas, o venres 50 braza, 10º posto nesta categoría, o sábado 100 braza, 7º posto mellorando a súa mellor marca, e o domingo 200 braza, na que acadou o 8º posto.

Xián Prego, que participaba por primeira vez a nivel estatal con proba individual, nadou a proba de 200 estilos de categoría junior, quedouse moi perto da marca do Campionato Galego, acadando o 27º posto de 17 anos.

E pola súa parte, a nadadora junior, Alba Gómez, que fixo un gran papel neste campionato, participando nun total de 5 probas, mellorando case todas as súas marcas persoais e acadando postos de finalista en dúas probas:
O venres participou no 200 libre, acadando o 16º posto de 16 anos. Ese mesmo día ao final da mañá nadou o 400 estilos, mellorando a súa marca e acadando o 12º posto. O sábado nadou a proba de 100 braza, clasificándose para a final, onde mellorou a marca matinal e acadou  o 5º posto de 16 anos. E para rematar ben o campionato, participou en dúas probas máis o domingo,  200 braza na que se clasificou para final, e media hora despois  200 estilos, acadando o 13º posto. No 200 braza, nadando pola tarde e mellorando a súa marca, nunha carreira máis que emocionante acadou o 4º posto de 16 anos. Sen dúbida Alba, neste campionato, tivo a oportunidade de sentir moi perto unha medalla.

¡¡Noraboa aos catro polos resultados acadados que se suman aos do club nesta tempada!!

Resultados