Campionato de España. Resultados

Acabamos de regresar do Campionato de España Absoluto de verán que se celebrou en Palma de Mallorca dende o mércores día 11 ata o domingo día 15. O Club Natación Arteixo tivo a participación de dous nadadores e unha nadadora que participaron nun total de oito probas. Voltamos con un Campión de España, varias finais e boas marcas persoais.

Mateo García só competiu o primeiro día a proba de 1500 libre, proba na que foi campión de España absoluto e ouro da categoría Sub-20 coa súa MMP. De Palma viaxou directamente a Sierra Nevada, para participar nunha concentración en altura co equipo nacional de augas abertas, na que tamén está Paula Otero.

Miguel Ángel Gómez participou nas probas de 100 e 200 braza, nas que acadou os postos 25º e 22º.

Alba Gómez participou en cinco probas, unha cada día. Estreouse co 100 bolboreta, acadando o posto 24º, os dous seguintes días foi finalista en 200 e 100 libr, mellorando nas finais os rexistros da mañán e acadando o 9º e 11º postos. Nadou tamén o 50 libre, 30º posto, e rematou a súa actuación o domingo con un 21º posto na proba de 200 estilos.

Os tres quedaron con bo sabor de boca, e con ganas de encarar estas tres vindeiras semanas de traballo previas á cita galega máis importante de verán, o Campionato Galego Junior e Absoluto, que terá lugar a primeira fin de semana de xullo en Pontevedra, e onde temos posta a mirada para mellorar aínda máis o nivel de marcas acadadas nesta competición.

Resultados