Bronce Europeo de Paula Otero

Gran momento histórico para o Club Natación Arteixo. A nadadora do noso Club, Paula Otero Fernández acadou a medalla de bronce este sábado en Roma na proba de 1500 libre. E este só foi o mellor premio a un gran campionato, todas as probas foron loitadas e disfrutadas ata a última brazada. Seis días intensos para Paula e toda a selección española que relatamos a continuación.

Os seus resultados foron  impresionantes, comezando por suposto pola medalla de bronce na proba de 1500 libre o sábado pola tarde. Foi unha gran proba, colocouse en terceira posición ós 200 metros e ahí mantívose toda a carreira, rematando con un tempo de 16.19.92, nada máis e nada menos que rebaixando 26 segundos a súa mellor marca.

A segunda proba máis destacada foi o 800 libre, o mércores pola tarde, acadou o 4º posto rebaixando 6 segundos a súa mellor marca. Esta proba tivo un final trepidante e unha chegada moi axustada que a separou só unha centésima do bronce.

Na proba de 400 libre, o último día, nadou a final, rematando no 6º lugar e facendo a súa segunda mellor marca persoal. Paula tamén participou nas eliminatorias do 4×100 libre e na final do 4×200 libre, remuda na que España acadou o 4º posto.

Gran salto de marcas para Paula nas probas de 800 e 1500 libre, estes rexistros acadados en Roma, significan que esta xoven nadadora pasa a cumprir os criterios ENA, é decir, para pertencer ó Equipo Nacional Absoluto.

Esta tempada foi complicada para toda a comunidade deportiva, pero de gran traballo de adestramento tanto no CGTD como no Club, moi boa a nivel competitivo para Paula, que comezou baixando as súas marcas en Loulé en agosto de 2020 e  acaba de poñer unha nova guinda con este bronce europeo. Pero este aínda non é o final da tempada desta nadadora, aínda lle queda participar esta fin de semana nas remudas do Campionato Galego, no Campionato de Europa de Augas Abertas en París e no Campionato de España en Canarias, antes de darlle paso a un merecido descanso.