Este sábado 7 de maio, o Club Natación Arteixo tivo ocasión de vivir un deses días que pasarán á súa historia de éxitos. Con dous grandes rivais que competiron con moi bo nivel, o AD Fogar e o CN Rías Baixas, o CNA acadou o primeiro posto de 2ª división, ascende polo tanto a Primeira co título de Campión nas súas mans.
Foi un día moi emocionante, no que unha vez máis o calor e o ánimo da grada foi clave para o noso éxito. Sabíamos que nos esperaba unha xornada difícil, xa que o AD Fogar tiña posibilidades de acceder ó Título moi parecidas ás nosas, e tamén sabíamos que unha das fortalezas do noso equipo é esa capacidade para loitar por un obxectivo común entregándose a tope tanto na auga coma animando dende fora.
A competición celebrouse en dúas sesións, chegamos ó final da mañán gañando de 28 puntos, táboa que tíñamos que manter facendo ben as cousas na sesión de tarde, xa que as desclificacións, os postos nas remudas, poden provocar un cambio radical. E así foi, na sesión de tarde mantivemos o noso nivel competitivo, chegando ó final da xornada clasificados en primeiro posto.
As marcas individuais foron de moi bo nivel, con moitas MMP acadadas e con unha mínima de Campionato de España de Eva Sánchez na proba de 400 estilos.
Por outra banda, o CN Mos foi o club que logrou a permanencia, superando en puntos a AD Narón e a USC.
Gustavo Álvarez, Presidente da AD Fogar, equipo anfitrión, foi o encargado de entregar o Trofeo de Campión de Segunda División ó noso Equipo, pasaron a recollelo tod@s os convocados para esta competición.
Vinteseis nadador@s foron a por este Trofeo, pero sen dúbida pertence a todo o Club, co importante que é este éxito deportivo na primeira ocasión que existe de celebrar esta Liga Absoluta despois da crisis que temos pasado, a forza da base do Club, a súa organización, a paciencia dos seus deportistas por saber esperar con ilusión o regreso deste tipo de momentos, todas estas cousas son o motor do CNA, e este Título é o premio ben merecido por todo esto.