Campionato Galego. Resultados

Esta fin de semana celebrouse en Ourense, en Piscina de 50 metros, o Campionato Galego Infantil e Junior de Inverno, xunto coa Copa Senior. Os 25 participantes do Club Natación Arteixo voltan con oito medallas, un trofeo, moitas mellores marcas persoais acadadas, moi bo nivel competitivo e aínda mellor nivel de traballo de equipo, no que destacamos o bo ambiente creado entre as diferentes categorías.

Asistimos con 11 nadadores/as de categoría Infantil, que acadaron o 8º posto feminino, 8º masculino, e 6º posto conxunto. Este grupo demostra que está empezando a consolidarse como grupo competitivo e que teñen un futuro moi prometedor. Nas remudas acadaron os seguintes postos: 4×100 libre, 7º masculino e 9º feminino; 4×200 libre, 7º masculino e 8º feminino; 4×100 estilos, a remuda que pechou o campionato o domingo pola tarde, e como xa é unha costume as mellores clasificadas do noso club, 6º masculino e 4º feminino. A nadadora desta categoría, Eva Sánchez Bello acadou catro medallas, dous ouros en 200 costas e 200 libre, prata en 100 costas e bronce en 200 estilos.

O equipo Junior estivo formado por catro nadadores e dúas nadadoras. Obtiveron o 7º posto na clasificación masculina, 13º na feminina e 9º na conxunta. Só poidemos participar en 4×100 estilos masculina, remuda na que acadaron o 4º posto. Mateo García Castro acadou catro medallas, tres ouros en 400, 800 e 1500 libre, e un bronce en 200 libre.

En canto os Senior, asistiron 7 deportistas, que nadaron en bo nivel, e axudaron moito a mellorar o ambiente de grupo e competitivo. A nadadora Alba Gómez, que ven de recuperarse dunha grave lesión deportiva e estreábase con este campionato, acadou o 3º posto feminino por puntos FINA, pola marca acadada na proba de 200 libre.

Os nadadores Eva e Mateo acadaron novas mínimas para os Campionatos de España das súas categorías, Eva na proba de 200 estilos, e Mateo en 200 libre.

Noraboa a tod@s polos resultados e por ser o presente e futuro do CNA!!

ResultadosMedalleiro