Alba no Open de primavera

A partir de mañá sábado e ata o martes celébrase en Pontevedra o Campionato de España de natación a nivel absoluto máis importante de toda a tempada, xa que é clasificatorio para o Campionato do Mundo que se celebrará este verán en Budapest. Neste campionato daranse cita os nadadores e nadadoras españois de máis alto nivel, xunto con algún estranxeiro. Nomes como  Mireia Belmonte, actual campiona olímpica en 200 bolboreta, Jessica Vall, bronce mundial en Kazan 2015, Joan Lluis Pons, finalista olímpico en Río, Hugo González, campión mundial y europeo júnior, outros olímpicos como Marc Sánchez, Carlos Peralta, Miguel Durán, Bruno Ortiz-Cañavate, ou as galegas Beatriz Gómez Cortés e María Vilas.

E por suposto, Alba Gómez Mesías, que participa neste evento nun total de catro probas : 100 e 200 libre, 100 e 200 braza.

Alba participou hai tan só tres semanas no campionato da súa categoría, no que se proclamou subcampiona de España junior en 100 e 200 braza. Este resultado deulle a oportunidade de ser seleccionada para participar co Equipo Nacional Junior nunha competición internacional, a Energy Estándar Cup que se celebrará en Lignano, Italia entre os días 5 e 8 de maio.

Esta nadadora non para de dar sorpresas e elevar o seu propio listón esta tempada. No Open de Pontevedra medirase coas mellores a nivel absoluto, loitará por ser finalista, na edición do 2016, conseguíuno na proba de 200 braza.

As finais desta competición serán retransmitidas por Teledeporte, así que poderemos disfrutar case en directo dun dos eventos acuáticos máis espectaculares da tempada.

Web do Campionato